Colora exoplanetas

A NASA vén de publicar unha serie de láminas de exoplanetas para colorar. Viaxes en astronaves, as dúas estrelas de Keppler-16b ou os mares de lava de Janssen, unha morea de novos mundos por descubrir, cunhas cores moi diferentes ás que vemos nas paisaxes da Terra. Sendo tan xeniais os deseños que fixeron non puiden evitar facer unha traducción ao galego para as vosas pequenas. Agardo que gosten moito delas e que se vaian interesando aos poucos pola ciencia!

Para imprimilos recomendo descargar este PDF co libro completo, xa que quedan moito mellor, ou os PDFs de cada lámina que podedes atopar debaixo de cada descrición. Tamén podedes descargar láminas para colorar e cadernos de actividades sobre o sistema solar traducidas ao galego.

51 Pegasi b destaca entre os primeiros exoplanetas descubertos. Ten aproximadamente a metada da masa de Xúpiter, cunha órbita tan achegada á súa estrela que o seu "ano" é de só 4.2 días terrestres! É o primeiro planeta confirmado en orbitar unha estrela semellante ao Sol, e marcou o comezo dunha nova clase de planetas chamados "Xúpiters quentes": planetas masivos que orbitan extremadamente perto das súas estrelas.

Un océano golobal de lava e ceos brillantes de silicato fan deste mundo de ensoño o destino perfecto para vacacións extremas! 55 Cancri e, ou Janssen, orbita unha estrela a 41 anos luz da Terra. A súa superficie fundida é inhabitábel, mais as vistas do horizonte ardente do planeta irmán de Janssen, Galileo, e os seus ceos brillantes deixarante sen alento.

Dúas veces máis grande (en volume) que a Terra, HD 40307 g está entre "súper-Terra" e "mini-Neptuno": o que significa que as científicas non están seguras de se ten unha superficie rochosa ou unha enterrada debaixo de grosas capas de gas e xeo. Porén unha cousa é certa: con oito veces a masa da Terra, a súa atracción gravitacional é moito, moito máis forte. Colora este mundo!

Do mesmo xeito que o planeta "Tatooine" de Luke Skywalker en Star Wars, Kepler-16b orbita un par de estrelas vermellas e amarelas. Representado aquí coma un planeta terrestre, Kepler-16b tamén podería ser un xigante gasoso coma Saturno. A posibilidade de vida neste mundo inusual non é boa, xa que ten unha temperatura similar á do xeo seco: moi por baixo do punto de conxelación!

Kepler-186f é o primeiro planeta do tamaño da Terra descuberto na zona habitábel de outra estrela, onde podería existir auga líquida na superficie. Se existira vida vexetal en Kepler-186f, as follas poderían ser de tons vermellos para xerar enerxía a partir da súa fría estrela vermella, moi diferente á paleta de verdes da Terra baixo o noso Sol amarelo.

A uns 40 anos luz da Terra, sete planetas orbitan ao redor dun sol pequeno, tenue e vermello. TRAPPIST-1e, o cuarto planeta dende a estrela, está na zona habitábel, o que significa que podería haber auga líquida na súa superficie. Os outros seis planetas do tamaño da Terra están tan perto que se verían coma lúas no seu ceo tinguido de vermello. Imaxina como se verían os outros planetas de TRAPPIST-1e!


Se gostades deles a NASA ten publicadas unha morea de láminas, en inglés, xogos coma sopas de letras e bandas deseñadas. Agardo de novo que as vosas crianzas gocen moito colorando estas láminas e que gañen interese pola ciencia e desenvolvan a súa creatividade. E aquí podedes ver as láminas de colorar e cadernos de actividades da NASA sobre o sistema solar traducidas ao galego.

Créditos: NASA-JPL/Caltech.

Comentarios