A Galiza é un país que administrativa e legalmente sitúase dentro do actual reino español e a lexitimidade disto reside súa constitución. Como todas sabemos non sempre foi así, aínda que si durante xa moito tempo. Podemos discutir o status de nación, e incluso que é unha nación (quedará para outro día), que significa ter un estatuto de autonomía dentro de un estado relativamente federado ou das alternativas con máis ou menos competencias. Mais isto non cambia o feito de que a Galiza é un pobo, con un territorio cuns lindes difusos, con unha lingua non única mais si diferenciada, e cun sentimento cultural tan grande e arraigado na identidade de cada galega que grandes empresas, locais coma o Gadis ou estranxeiras coma o Netflix, explotan comercialmente. A Galiza é un país, é un pobo e reside nun estado alleo, mais iso hoxe non é un debate social nin político. Aínda así, este estado arrendatario si que ten un conflito por esta mesma razón con outro país, ca Catalunya.
Non me toca hoxe falar sobre o conflito catalán, xa moito se ten escrito e as catalás, agardo, escribirán a súa propia historia. Con todo, esta situación dáme pé para facer unha reflexión sobre a lexitimidade deste contrato de arrendamento que nos ata ao estado español.
Antes de nada e para sacalo rápido de enriba, si, a constitución española fíxose a porta pechada, entre un grupo de persoas que en teoría representaban todas as sensibilidades, fascismo incluído, todos homes. Sen procesos transversais, sen opción de iniciativa popular, sen transparencia nin nada semellante. Mais ratificouse por un referendo tal día coma hoxe no ano 78. A pregunta foi: Aproba o proxecto de constitución? Aínda que ben podería ser Eleccións ou ditadura? debido á situación política e social do momento. A convocatoria ganouna a opción de eleccións con un 88,54% e unha participación do 67,11%. Facer o símil da pistola na cabeza é demagoxia e hai que recoñecer que foi unha vitoria democrática, mais como veremos, só en España. E ben o saben, todos os líderes políticos estatais proclaman a unidade do estado en virtude deste referendo. A constitución é un exemplo de como os partidos puxeron os seus obxectivos individuais en prol da reconciliación e a poboación ratificou o texto proposto.
Este referendo foi convocado aplicando o artigo 3 da Lei para a reforma política, aprobada polas cortes franquistas en novembro do 76, que di "O Rei, antes de sancionar unha Lei de reforma constitucional, deberá someter o proxecto a referendo da nación". E articulado por diferentes leis e reais Decretos coma o 2120/1978, o cal di que ten que haber unha maioría de votos a favor para a súa solemne ratificación, maioría simple para aprobar unha constitución que remataría cunha ditadura. Esta mesma constitución contempla novos casos de referendo, incluso para anularse a si mesma. Mais até o momento en que este se convoque, non saberemos cales son as cifras precisas para que se considere como ratificado. Despois da restauración borbónica só houbo dous referendos, mais foron consultivos.
Para ter unha orientación sobre as cifras precisas para ratificar algo como unha constitución debemos ver as experiencias máis recentes. O caso do Brexit é paradigmático, sen quórum e por maioría simple. É dicir, da igual o número de votantes e se votan só tres e votan dúas que si, todo o estado acepta o votado. O resultado todos o sabemos, hai unha maioría de británicas en contra do Brexit mais puntualmente votaron a favor da saída da Unión Europea, con unha participación alta, do 72,2%, mais con un resultado moi axustado, 51,9% dos votantes a favor. Ou o que é o mesmo, só o 37,44% das británicas votaron polo Brexit. Deste mesmo xeito se fixeron os últimos referendos para a secesión da Escocia ou o Quebec, nos que gañou o non.
Con todo a Comisión Europea para a Democracia a través do Dereito, ou Comisión de Viena, órgano consultivo do Consello da Europa, no seu documento Código de boas prácticas para referendos, recomenda non estipular un quórum para a validez dos resultados mais si unha maioría cualificada no caso de que haxa circunstancias especias de minorías nacionais tanto no conxunto coma en cada un dos territorios que o conformen. Vistos os anteriores exemplos asemella razoábel, non se pon quorum para fomentar a participación mais compénsase coa esixencia dunha maioría dobre, é decir, a metade máis 1 das electoras a favor, para a súa aprobación en cada territorio. Outras espertas por contra, suxiren a necesidade dun 60% de participación para considerarse válido. Realmente a diferencia é se se acepta a abstención activa como unha opción democrática, coma no segundo caso ou non, coma no primeiro.
Na Galiza, así como tamén no Euskadi, os resultados non se axustaron para nada a estes estándares. En decembro do 78 aquí había 2.109.613 electoras e houbo unha participación do 50,25%. Segundo a Comisión de Viena este sería un resultado válido, mais para unha votación tan transcendente asemella un tanto escasa. Máis escasa en Lugo e Ourense, con unhas participacións do 41,85% e 40.01% respectivamente. Case cumpren a norma do 60% de participación mais ao contrario. Pode ser legal, mais non é demasiado lexítimo tomar unha decisión como a ratificación dunha constitución nestas condicións. Moita xente podería pensar que as que non votan son todas persoas afíns ao réxime, mais unha abstención tan elevada non pode responder unicamente a unha única opción política. Democracia non é só votar, require que a poboación estea informada e que poida opinar en liberdade, e coido que estas premisas son máis responsábeis que que o 60% das galegas de interior fosen da Fronte Popular.
Ademais o MCG (Movemento Comunista da Galiza), a LCR (Liga Comunista Revolucionaria) e mais o BN-PG (Bloque Nacional Popular Galego, formado pola UPG e a ANPG) fixeran campaña pola abstención ou o non. Tres anos antes a policía asasinaba a Moncho Reboiras e comezaba un auxe do nacionalismo. Os partidos galegos de esquerdas tomaron a constitución do 78 coma unha simple reconfiguración dun estado arcaico.
Por outra banda os sis ganaron a consulta no país con un 88,87%, unha maioría simple que pode parecer unha barbaridade. Mais este dado está totalmente fóra da realidade da opinión real da sociedade galega, debido á abstención. Se o miramos en función do electorado atopámonos con un 44,66%, que non chega á maioría cualificada, a metade do censo máis unha persoa. En Ourense é tristemente peor, só o 35,36% votou a favor.
Un estado pódese chamar democrático, de feito todos os países do mundo chámanse así mesmos democráticos agás Arabia Saudí, aínda sen cumprir ningún criterio obxectivo. Repetir como un mantra, que o reino español é unha democracia consolidada non quita o feito de que se basea nun texto non referendado por todos os territorios nin pola cantidade axeitada de xente, tal como aconsella a Comisión de Viena. E podemos ler as súas consideracións coma minimamente democráticas, xa que aumentar o quórum e o resultado a dúas terceiras partes asemella, canto menos, un pouco máis garantista. O noso arrendatario ten un contrato ilexítimo, feito con trampas. Toda a súa estrutura e legalidade están cimentadas sobre unha mentira, e iso é España.
Fotografías do referendo do 78 na Coruña de Alberto Martí Villardefrancos de La Voz de Galicia 1 e 2.
Colantes da BNPG e o MCG recuperados da CUT UDC.
Comentarios
Publicar un comentario