Podcasts en galego II


Nesta segunda entrega de suxestións de podcasts en galego quero afondar na gran variedade que existe, aínda que algún tema repetirase. Temos a sorte de vivir nunha lingua e nunha cultura vivas e teñas os intereses que teñas atoparás os programas que che interesan. Se che gustan e non viras o primeiro post, pódelo consultar aquí, onde tes unha breve descrición de que é isto dos podcast e como escoitalos.
Pepe Cunha Ábrete de orellas

Ábrete de Orellas

Tal e como Pepe Cunha di, "unha selección musical ecléctica inspirada na axenda de concertos en Galiza e novidades discográficas". Programa de Radio Filispim emitido en outras moitas emisoras da Rede galega de radios libres e comunitarias. Axenda da semana e novidades seleccionadas con moito gusto. Obrigado Pepe polo saúdo no anterior post!

Ábrete de Orellas


Logo de Facemos Historia

Facemos Historia

Divulgación da historia, centrado na Galiza. Conta con dous programas, o propio Facemos Historia, no que conta brevemente unha época ou feito destacado, e Historia Takeaway, un repaso ao currículo de historia de 2º de Bacharelato. Sempre vén ben facer un repaso.

Facemos Historia



Equipa de Proxecto Neo © Lucía Rivas

Proxecto Neo

Programa de radio do IES Perdouro en Radio Burela. O profesor Bernardo Penabade acompaña a alumnas de diferentes cursos da ESO do instituto nun magazine que ten a lingua e ás neofalantes no centro. Entrevistas a alumnos e a persoeiros da cultura e da lingua galegas ou falantes de galego en todo o mundo.

Proxecto Neo




Imaxe de Radio Cerna

Radio Cerna

A asociación ecoloxista Adega ten o seu boletín informativo semanal. 10 minutos de actualidade sobre medio ambiente e ecoloxismo e a actividade da asociación maioritariamente anque tamén tratan outros temas coma conservación e biodiversidade, contaminación e residuos, enerxía e cambio climático, medio rural e montes, territorio e urbanismo, educación ambiental, auga e ríos, litoral ou cultura, patrimonio e lingua.

Radio Cerna


Equipa de Galiza...algo máis

Galiza...algo máis

Magazine político e cultural feito dende Sants 3 Radio, en Barcelona. Fan un repaso da actualidade galega e catalá e tamén das equipas deportivas galegas dun xeito moi ameno e divertido. Forma parte de Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya.

Galiza...algo máis

Aínda hai moitos máis, mais deixarémolos para outro momento. Agardo que vos sexan de agrado e gostedes escoitándoos, e recordade que podedes atopar máis podcasts na anterior entrada. Se tendes algunha suxestión, non dubidedes en dicirmo!

Máis información:

Podcasts en galego I
Podgalego

Imaxe de capa: Podcasts de Nick Youngson CC BY-SA 3.0 Alpha Stock Images

Comentarios