Non son un gran oínte de radio. Na miña vida sempre que quería ter algo de fondo elexía a música que quería escoitar. Os programas que non son de música que me poderían interesar ou non os botaban á hora que me conviña ou non era consciente de que existían até este momento, como veremos neste artigo. De hai uns anos para aquí, sobre todo no mundo anglosaxón, vai gañando adeptos o fenómeno do podcasting.
Para as menos avezadas nas tecnoloxías diremos que os podcasts (ou falangullos) son programas de radio, con un formato máis ou menos formal ou tradicional, que podes consumir na computadora ou no teléfono móbil cando ti queiras. Para isto só tes que subscribirte aos teus programas favoritos, ben sexan de radios comerciais ou outros proxectos tanto ou máis interesantes feitos por todo o mundo. Para as que teñades máis interese sempre podedes ver unha descrición formal na galipedia.
Mais aínda que nunca escoitara a radio agora non fago nada, que non requira demasiada concentración, sen ter o móbil ao meu carón soando. Fregando a louza, axeitando a casa ou de camiño a onde queira que vaia, sempre escoitando algo. Podes coñecer as últimas novidades de tecnoloxía, descubrir grupos do estilo musical que máis che gusta ou aprender algo de ciencia ou historia. Os temas non teñen fin e é moi sinxelo de consumir e, aviso, un tanto aditivo.
Para comezar só tes que descargarte unha das múltiples plataformas existentes no teu dispositivo. Hai moitas, mais para facelo máis rápido as mellores son Google Podcasts, de balde e moi sinxelo (incluso demasiado) e a aplicación de Ivoox, cun anuncio ao comezo de cada programa. Esta última, Ivoox, é un portal no que poderás atopar (case) todos os podcasts en galego, e en castelán, que existen. Dende as radios comerciais até dúas amigas que o fan na súa casa. É o Youtube do podcasting, todas están aí. As usuarias de iPhone teñen á súa disposición Apple Podcasts.
A continuación veremos uns cantos exemplos de falangullos que realmente merecen a pena.
Equipa do programa CC BY 4.0 Grandes Vozes do noso Mundo |
Grandes Vozes do noso Mundo
Música en galego provinte de todo o mundo dende Radio Burela. Este proxecto dirixido por Marco Pereira, acompañado polas súas colaboradoras, amosa semanalmente músicas na nosa lingua e entrevista en cada capítulo a unha artista, ben sexa do Brasil, Cabo Verde, Portugal ou, por suposto, Galiza.Grandes Vozes do noso Mundo
Gravación no Culturgal © Efervesciencia |
Efervesciencia
Programa de divulgación científica da Radio Galega. Da man de Manuel Vicente, coa axuda da avoa de Einstein, poderás estar ao tanto das últimas novidades con entrevistas ás protagonistas. Cada semana unha dose efervescente de ciencia.Efervesciencia
Capa do programa da Relatividade Geral © Deviante |
Scicast
Este é outro programa de divulgación científica do portal brasileiro Deviante. Científicas de todas as áreas repasan un tema semanalmente. Ademais fan un programa curto diario coas últimas novidades, Spin de Noticias, e SciKids, onde as crianzas preguntas e científicos responden, entre outros programas.Scicast
Logotipo de Loco Iván |
Loco Iván
Programa da radio comunitaria Cuac FM da Coruña. "Fantasía, o rol, os videoxogos e outras desviacións abxectas da cultura popular" comentadas semanalmente dende un submarino nuclear soviético perdido no río Monelos. Conta con seccións de novas, música, entrevistas e lecturas dramatizadas.Loco Iván
Logotipo de Té con gotas © Té con gotas |
Té con gotas
A diáspora tamén quere expresar as súas vivencias no lugar onde moran neste momento. Miguel Rodríguez e Duarte Romero residen en Londres e cóntannos que acontece nas Illas Británicas, especialmente co Brexit, dende a súa visión de migrantes.Té con gotas
Eventos de Radio Liverdade
Eventos, ou especiais, é o caixón desastre de Radio Liverdade, a radio comunitaria de Ourense (onde participo). Aquí poñemos todos os programas que facemos sen periodicidade. Dende a presentación das actividades do VeránEarte até monográficos sobre cultura ou o clima. Recomendo a subscrición xa que ao ser tan variado sempre hai algo que che poda interesar.Radio Liverdade (Eventos en Ivoox)
Media ducia de recomendacións, para comezar no mundo do podcasting en galego. Hai centos e miles, en todas as linguas, dos que falaremos máis adiante. Agardo que gostedes desas suxestións e que vos iniciedes no marabilloso mundo de estar todo o día con auriculares.
Máis información:
Podcasts en galego IIPodgalegoAsociación Podcast (2010) Podcasting tu tienes la palabra (scribd). En concreto o artigo de Uxío Broullón, Falangullos, los podcast en gallego, px. 47 (tradución ao galego).
Imaxe de capa: Podcasts de Nick Youngson CC BY-SA 3.0 Alpha Stock Images
Saúdos desde Ábrete de Orellas
ResponderEliminarMoito obrigado polo teu traballo! Tamén te escoito todas as semanas, no seguinte post sobre podcasts en galego irá o teu programa, é unha marabilla que haxa tantos e que teña que facer varias entradas para ir amosando o que se fai no país.
EliminarUnha aperta!