Ferramentas dixitais para colectivos



As asociacións, plataformas e colectivos de toda índole precisan sempre certas ferramentas informáticas para o seu funcionamento e para a difusión da súa actividade. Para preparar unha orde do día, coordenar co resto da xente cando se fará unha reunión ou para facer un cartaz dun evento precisamos usar a tecnoloxía.

Non todas as persoas teñen facilidade, ou tempo, para escoller as ferramentas axeitadas. Así que aquí colocarei unhas cantas que poden ser útiles, sen entrar ao seu funcionamento, xa que hai miles de titoriais dispoñíbeis na rede. Nesta listaxe hai programas tanto libres como propietarios, da necesidade da transición ao software libre falaremos outro día.

Produtividade

Teclado

Copy-Paste © The University of Texas
Pode parecer unha bobada mais estas aplicacións e consellos pódenche aforrar moito tempo. E nada mellor para aforrar tempo que saber certos atallos de teclado que nos van a axudar á hora de traballar na computadora. Mai antes diso, aprende a mecanografar!!! Xa sei que máis ou menos te apañas e que vas facendo o que precisas sen apenas esforzo mais creme, se duplicas a túa velocidade, aforras a metade do tempo. Ademais corrixes a túa postura diante da computadora e liberas a vista para poder ver a pantalla ou o texto que esteas a copiar.

Atallos de teclado e rato máis útiles:
  • Control+C: Copiar textos, imaxes, arquivos ou calquera outra cousa.
  • Control+X: Cortar.
  • Control+V: Colar o que teñas copiado ou cortado.
  • Control+Z: Desfacer a última acción realizada, si, tamén cando borras un arquivo.
  • Control+Y: Refacer, é dicir volver ao estado anterior a usar Control+Z.
  • Control+A: Seleccionar todo o texto, todos os arquivos ou todo o que haxa na xanela.
  • Mayus+Esq/Der: Seleccionar texto carácter a carácter.
  • Control+Esq/Der: Mover o cursor até a anterior/seguinte palabra.
  • Control+Mayus+Esq/Der: Seleccionar texto palabra a palabra.
  • Doble click: Seleccionar palabra.
  • Triple click: Seleccionar parágrafo.
  • Alt+Tab: Cambiar entre xanelas en Windows.
  • Control+Click: Seleccionar diferentes arquivos, de un en un.
  • Mayus+Click: Seleccionar todos os arquivos até este, dende o que xa está seleccionado.
Se aprendes a escribir non moi rápido, mais sen a necesidade de mirar ao teclado e te afás a utilizar estes atallos, asegúroche que a túa vida será moito máis sinxela, sen esaxerar nada.

Navegador

Aquí tes moitas opcións, dependendo tamén dos sistemas operativos que utilices. Pensando no caso maioritario, é decir o Windows 10 e o Android, e que tamén é o meu caso, propoño utilizar o Mozilla Firefox ou o Google Chrome. Son os navegadores máis utilizados por moitas razóns, son rápidos, seguros e moi compatíbeis. Mais, para sacarlle todo o partido que queremos, teñen tamén outras opcións que nos serán moi útiles. Ambos navegadores permiten a sincronización de marcadores, historial e contrasinais, polo que toda esta información poderala ter tanto na túa computadora coma no teu móbil. Ademais tamén contan con un catálogo moi amplo de extensións, que che poden axudar no teu día a día, como bloqueando a publicidade co Adblock Plus ou o NoScript (só para usuarias avanzadas).

Mozilla Firefox
Google Chrome

Correo electrónico

Gmail Icon DP Wikipedia
Neste apartado está claro. Aínda que o teu colectivo ou asociación teña un dominio mercado que che ofreza correos electrónicos personalizados, usa o Gmail. É doado de usar, funciona extremadamente ben, vas a precisar unha conta do Google de todos os xeitos para facer a túa conta do Youtube, e é sinxelo que varias persoas poidan acceder a el. Permite crear unha listaxe de enderezos, como por exemplo medios de comunicación, para enviar unha mensaxe a todos. Se xa tes un correo electrónico diferente considera configuralo para que che reenvíe ao do Gmail.

Gmail

Calendario

Como axenda recorremos tamén ao Google. O Google Calendar permítenos crear un calendario e darlle permiso a diferentes persoas para que o poidan editar, e poder facelo público ou que so o poidan ver as persoas que ti decidas. Todas as persoas que queiran poderán ter sincronizado ese calendario no seu móbil e na súa conta do Google Calendar.
Doodle Logo © Doodle

Por outro lado, á hora de decidir cando se fai unha reunión ou evento, podes utilizar o Doodle. É un servizo web co que podes propoñer días e horas para o que queiras organizar e a xente pode votar as súas preferencias ou dispoñibilidade. Deste xeito saberás que día e a que hora é o mellor momento para realizar esa actividade. Conta tamén con app para o Android mais a web é o suficientemente simple como para non ser necesario instalar unha aplicación máis no teu dispositivo.

Google Calendar
Doodle

Proxectos

Se no teu colectivo tendes un proxecto ou unha campaña grandes, con múltiples pasos que teñen que se ir cumprindo e no que teñen que colaborar diferentes persoas, precisaredes unha aplicación para distribuír tarefas e ver que está feito e que falta por facer. Para isto está o Trello. É simple, é doada de usar e evita esquecer calquera detalle. Aínda que ten plans de pago, as funcións gratuítas seranche máis que suficientes.

Trello

Antivirus

A mellor recomendación para a seguridade na túa computadora é ter sempre actualizado todo. Cando che sae a típica xanela que che pregunta se queres actualizar calquera programa, dálle a si. Ter o Windows e os teus programas actualizados é o primeiro paso para evitar problemas de seguridade, e de compatibilidade. Como aplicación antivirus específica eu uso o AVG. Nunca me deu un problema ou susto, é de balde (aínda que algo invasiva vendéndoche os seus plans de pago) e é bastante lixeira.
Actualización: Tras as últimas versións de AVG, que fixeron que a computadora correra un pouco máis pesada, probei a versión gratuíta de Kaspersky Security Cloud. Cumpre todas as funcións que unha ferramenta antivirus básica debe ter e vai bastante máis lixeiro que o outro. Polo de agora recomendo usar este segundo. Non é doado de atopar na súa páxina web, tendes que ir a descargas e está no fondo.

Kaspersky

Outras ferramentas

Logo de Franz
Ao utilizar a computadora durante horas tamén precisas ter todo a man. E por todo refírome ao Telegram, o Whatsapp e os teus correos electrónicos. Co Franz terás todo isto e moitas outras cousas que precises nunha soa xanela. As túas contas de mensaxería e correo nunha aplicación de escritorio, con notificacións e todas as funcións de cada unha delas.

Nalgúns casos precisarás levar a conta de canta xente está ao corrente dunha cota, ou ter unha pequena base de dados sobre a xente que colabora ou as socias da asociación. Hai diferentes solucións mais por accesibilidade e rapidez ao final o máis sinxelo soe ser crear unha Folla de cálculo do Google. Por outra banda, se o que precisas é facer unha enquisa dentro do teu colectivo, ou pública, esta ferramenta tamén ofrece organizar os resultados dos Formularios do Google.

Franz
Folla de cálculo do Google
Formularios do Google 

Edición

Texto

Á hora de escribir, hai que ter en conta dous factores: Se é un texto colaborativo, no que diferentes persoas van participar, e que tipo de resultado queremos, dende un simple texto ou ideas até un documento formal. Por iso falaremos de tres programas diferentes.

No caso de precisar unha aplicación moi simple para que vairas persoas traballen sobre a mesma idea, mais non temos demasiado interese no formato, o que precisamos é un pad. Os pads son servizos web que teñen o aspecto do block de notas do Windows, con moi poucas opcións de formato. É moi útil porque conta con unha barra de chat, o que escribe cada persoa sae remarcado nunha cor diferente e garda un historial de cambios. Deste xeito podemos saber quen escribiu cada cousa e que cambios houbo ao longo do tempo. Recoméndoo porque é o máis rápido, áxil e doado de usar. As páxinas onde se aloxan os pads soen abrir e pechar continuamente, neste momento recomendo o Framapad.

Nun chanzo intermedio está o Google Docs. Que conta con todas as opcións dun pad, agás o fondo de cores para cada usuaria, mais tamén se pode saber quen escribiu cada cousa. Ademais permite facer comentarios nun punto concreto do texto e conta con moitas máis opcións de formato. Para colaborar só tes que partillar o documento con outra persoa, que tamén teña unha conta do Google.

Por último, como ferramenta de procesamento de texto máis tradicional ao estilo do Microsoft Word, a elección é clara, o LibreOffice. É moi completa e profesional, conta con todas as funcionalidades que precises para crear un documento de calquera tipo.

Como consello adicional direivos que no Android é moi útil ter instaladas as aplicacións Google Docs, Adobe Acrobat e Polaris Office. Isto é para ter acceso aos teus documentos do Google (ou aos partillados contigo), ler PDFs e poder abrir calquera documento de texto, xa que hai formatos que os outros non abren ben.
Logo de LibreOffice

Framapad
Google Docs
LibreOffice

Imaxe

Tal e como dixen arriba o propósito deste artigo non é facer ningún titorial, e máis que nada díxeno por estas aplicacións. Non é preciso que sexas unha profesional do Photoshop, de feito non é nin preciso que o instales. Mais se che gusta o tema, non o dubides e aproveita os miles de titoriais que podes atopar na rede.
Gimp Logo CC BY-SA 4.0 Gimp

As alternativas son realmente fortes, temos o Gimp, un programa de edición de imaxes e o Inkscape, máis ben orientado á creación, como por exemplo se tes que deseñar un logo. Ambas as dúas gratuítas e dispoñíbeis tanto no Windows coma para o Linux.

Gimp
Inkscape 

Vídeo

Shotcut Logo © Meltytech
Non fai falta ser o Óliver Laxe para montar o vídeo que gravaches na última actividade que organizastes. Podes ter uns resultados moi profesionais co Shotcut ou o OpenShot, dous editores de vídeos libres e gratuítos. Pode que non saibas nada de edición, mais con titoriais e tempo, podes acabar creando vídeos dunha calidade sorprendente.

Se por outra banda, o que queres é facer vídeos co móbil menos formais, con efectos e filtros, máis orientados ás redes sociais, usa o TikTok. Ademais de edición tamén funciona como rede social e podes publicar os teus vídeos rapidamente.

Shotcut
OpenShot
TikTok 

Audio

No estraño caso no que precises editar audio só tes que descargar o Audacity, tamén libre e gratuíto. Este programa é moi compatíbel (aínda que terás que descargar tamén un addon para poder gardar en formato mp3), completo e fácil de usar.

Audacity

Difusión

Depende moito do tipo de actividade que teñades no teu colectivo, xa que a difusión máis efectiva moitas veces é ter un deseño rechamante, darlle un bo formato e imprimir volandeiras. De todos os xeitos, e obviando certas consideracións éticas, precisas facer un perfil do Facebook, o Twitter e o Instagram, das tres. Trata de ser todo o consistente que poidas en todas as redes sociais, mesmos logos, mesmo xeito de comunicar e mesma información. E trata tamén de ser constante, contesta o antes posíbel aos comentarios e mensaxes que vos envíen e non dubides en pedir que sigan o teu perfil. A canta máis xente cheguedes, mellor, para iso serven as redes sociais.

Redes sociais

No ámbito do teu colectivo o Facebook pode estar xa baixando o seu uso. De todos os xeitos segue a ser a máis utilizada e unha referencia sobre todo á hora de programar o ocio. Crea unha páxina para o teu colectivo, mellor que un perfil propio, podedes xestionalo entre varias persoas dende os seus perfís persoais. Nesta páxina poderás programar as túas entradas até con unha semana de anticipación. E fagas a actividade de cara ao público que fagas, fai un evento de Facebook. Permíteche darte a coñecer e a propia rede recordaralle á xente cando é esta cita.

O Twitter é a máis complicada de utilizar, xa que require estar un pouco máis atenta para reaccionar ás respostas. Para aliviar un pouco este estres, podes tamén programar os teus chíos co Hootsuite. É a máis rápida e directa, dúas calidades que debes considerar á hora de propagar o que queirades difundir.

Logos de Facebook, Instagram e Twitter
A máis recente e orientada á xente máis nova é o Instagram. Está baseada en fotografías e vídeos así que dependendo da xente á que queres chegar e o tipo de mensaxe que vas a difundir podes ter máis ou menos actividade nesta rede social.

Facebook
Twitter
Instagram

Mensaxería

Tamén dependendo do tipo de actividades que teñades, podes considerar facer canles de difusión ou grupos das aplicacións de mensaxería Telegram e/ou Whatsapp. Tamén é moi directo e rápido, e podes chegar a xente que non usa redes sociais. Tamén podedes facer unha listaxe dedifusión por correo electrónico, xa que hoxe en día todo o mundo ten o seu correo electrónico no móbil. Mais a primeira opción é o máis directo.

Telegram
Whatsapp 

Vídeo e audio

Logo de Youtube
Se ides crear vídeos das vosas actividades ou como medio de difusión crea unha canle do Youtube (ca mesma conta do Google). Aí poderás ter organizados os teus vídeos, onde todo o mundo vai ver vídeos hoxe en día. Crea listas de reprodución e completa ben as descricións. Tamén os podes subir ao Facebook, o cal é máis recomendábel que enlazalos do Youtube.

Se gravades as vosas actividades, conferencias ou o que sexa, podes crear un perfil do Ivoox e distribuílo en formato podcast ou ben, se é algo máis puntual, a través do SoundCloud.
Actualización: Se o que precisades é organizar unha morea de arquivos de audio, ben música ou gravacións, podédeslle botar un ollo a esta entrada sobre programas de etiquetaxe de MP3.

Youtube
Ivoox
SoundCloud

Despois deste feixe de aplicacións e programas só me queda por comentar que non é preciso usalas todas, cada colectivo terá as súas necesidades e posibilidades. En calquera caso seguro que hai moitas outras alternativas iguais ou mellores e que xa estades a usar. Agardo que estas vos sexan útiles e se precisades ampliar algunha información non dubidedes en deixar un comentario. E se tendes algunha suxestión, estaría encantado de aprender e de engadila a este artigo.


Imaxe de capa: DIY-Software © CMNTY

Comentarios