Programas de etiquetaxe de MP3



As coleccións de música que temos gardadas normalmente están bastante mal organizadas, xa ben por falta de tempo, porque cada disco ou canción obtivémola das máis diversas fontes ou porque as ripeamos nós mesmas non sempre co mesmo criterio. Hai uns días atopei nun disco duro unha morea de música, de hai uns aniños xa, o suficientemente grande como para cumprir eses tres criterios e para precisar certa automatización no proceso de organizala. Imaxinando necesidades que tiña para etiquetar (poñerlle os TAGs) os mp3 fun atopando diferentes programas que me axudaron nesta tarefa.

Con estas tres aplicacións poderemos etiquetar correctamente os nosos mp3 coa información máis necesaria, e unha pouca máis, poñerlle as imaxes de capa e até incluír as letras de cada canción e renomear os arquivos en función destas etiquetas xa editadas. E o mellor de todo, o proceso automatízase a un nível que non pensara posíbel no momento no que atopei toda esta música.

Captura de TagScanner

TagScanner

A navalla suíza dos mp3, ten todas as funcións que precisarás á hora de xestionar a túa colección de música. Unha vez engades música ao programa, poñamos por exemplo un disco completo, podes percuralo en bases de datos online e poñer as etiquetas correctas en todos os arquivos, autoría, nome da pista, álbum, ano, número de pista e disco, e moitas outras cousas. Ademais podes colocar a imaxe de capa do disco en cada un dos mp3 e descargar todos os contidos gráficos que tivera o CD ou vinilo orixinal no cartafol onde os teus mp3 están gardados. Tamén podes usar uns scripts automáticos (chamados transformations) para que automatice certas tarefas, como poñer a primeira letra de cada palabra en maiúscula. Para pulir os resultados podes editar todos os mp3 seleccionados á vez, ou un a un, manualmente. Outra función ca que conta permite renomear os arquivos en función das súas etiquetas, totalmente personalizábel.

O TagScanner é un programa gratuíto e propietario que está traducido ao portugués PT e BR. É todo o precisas para xestionar e etiquetar a túa colección, a menos que te poñas moi esixente e queiras ir un paso máis alá.

Sitio do TagsScanner

Captura de foobar2000

foobar2000

Este segundo programa, moi utilizado durante moito tempo, quedouse un tanto obsoleto, tanto por funcións como por interface. De todos os xeitos permite a automatización dunha tarefa que pode ser moi útil para DJs ou persoas que, coma min, son completistas á hora de organizar as súas coleccións. Grazas a este complemento, o foobar2000 é capaz de analizar os BPM das pistas que lle indiques e introducilo como etiqueta no mp3. Só hai que seleccionar as pistas que queiras, facer clic dereito e seleccionar BPM Analysis. O programa fará o proceso unha detrás da outra e con un só clic editará todos os mp3.

O foobar2000 é un programa gratuíto e propietario en inglés. Ademais de analizar os BPM é un programa bastante completo co que podes facer a maior parte das tarefas que precises nos teus mp3.

Sitio do foobar2000

Captura de Metatogger

Metatogger

Por último, se xa queres que á túa colección non lle falte detalle, o Metatogger conta con unha función moi especial. Ademais de poder facer bastantes das tarefas que o TagScanner pode facer, aínda que non todas nin igual de eficiente, ten a opción de percurar nunha base de datos online as letras das cancións. Ao xeito que o primeiro fai coa información dos discos, Metatogger pode incluir como unha etiqueta de lyrics as letras de todos os mp3 da túa colección.

O Metatogger é un programa aberto (baixo Mozilla Public License 2.0) en inglés. Por pouco non é o TagScanner, sobre todo á hora de buscar información de discos, xa que o primeiro ten máis fontes. Polo resto é tan bo ou mellor, ademais de permitir percurar letras.

Sitio do Metatogger

Imaxe de capa: Logotipo de mp3 de Simo99 CC BY-SA 3.0 Wikimedia

Comentarios