Que é o coronavirus?

Outras entradas sobre COVID-19:

Medidas por COVID-19 en Ourense
Datos diarios de Ourense na canle de telegram

Información sobre o coronavirus e a COVID-19 que se vai actualizando a medida que se vai validando novas evidencias científicas.

Que é un coronavirus?

Os coronavirus son unha extensa familia de virus que poden causar enfermidades tanto en animais coma en humanos. Trátase dunha enfermidade zoonótica, o que significa que poden transmitirse dos animais ós seres humanos. Nos humanos, sábese que varios coronavirus causan infeccións respiratorias que poden ir dende o arrefriado común até enfermidades máis graves coma o síndrome respiratorio de Oriente Medio (MERS) e o síndrome respiratorio agudo severo (SARS). En concreto, o SARS-CoV-1 en 2003 ocasionou máis de 8.000 casos en 27 países e unha letalidade de 10% e dende entón non se volveu detectar en humanos. Dende 2012 notificáronse máis de 2.500 casos de MERS-CoV en 27 países, a maioría na Arabia Saudí, cunha letalidade de 34%. O coronavirus que foi descuberto máis recentemente causa a enfermidade por coronavirus COVID-19.

Inicio da pandemia

O 31 de decembro de 2019, a Comisión Municipal de Saúde e Sanidade de Wuhan (provincia chinesa de Hubei) informa sobre 27 casos de pneumonía de etioloxía descoñecida, incluíndo sete casos graves. O inicio dos síntomas do primeiro caso foi o 8 de decembro do mesmo ano. O 7 de xaneiro de 2020, as autoridades chinesas identificaron como axente causante do brote un novo tipo de virus da familia Coronaviridae que posteriormente foi denominado SARS-CoV-2. A súa secuencia xenética foir partillada polas autoridades chinesas o 12 de xaneiro de 2020. O día 11 de marzo do mesmo ano, a WHO declarou a pandemia mundial.

Non está claro cal é a orixe da pandemia. Mais tal e coma noutros surtos de coronavirus, a fonte primaria máis probábel da enfermidade producida polo SARS-CoV-2 é de orixe animal. Descoñécese cal é o reservorio natural e o posíbel transmisor do virus a humanos, xa que non se puido detectar polo momento en ningún animal vinculado co momento e o lugar da orixe da pandemia. O virus máis achegado no tempo é o Bat CoV RATG13, illado anos antes dun morcego de ferradura en Yunnan, ao sureste da China. Os morcegos albergan unha grande diversidade de coronavirus. Deste xeito, a hipótese máis aceptada actualmente sobre a orixe ancestral do SARS-CoV-2 é a de que un virus de morcego puidera evolucionar cara el a través de hospedadores intermediarios. Son precisos máis estudos sobre diversidade de coronavirus na fauna para aclarar a orixe.

Transmisión

En diferentes partes do mundo hai evidencias de transmisión humano-animal a furóns, felinos (gatos, tigres e leóns), visóns, hamsters e cans. Tamén de animal-animal entre eles. Na transmisión animal-humano só hai dous casos con visóns, mais é probábel que se poida dar con todos os que se poidan contaxiar. Os porcos, galiñas e patos non amosan replicación activa tras unha inoculación experimental e os cans amosan menor intensidade de replicación que o resto dos animais estudados. Os animais infectados sofren unhas consecuencias semellantes aos humanos e houbo casos de visóns en granxas mortos.

A vía de transmisión entre humanos considérase semellante á descrita para outros coronavirus a través das secrecións das persoas infectadas, principalmente por contacto directo con pingas respiratorias de máis de 5 micras e as mans contaminadas con estas secrecións seguido do contacto coa mucosa da boca, nariz ou ollos. Tamén foi detectado na saliva.

Nestas pingas pódese apreciar virus viable en superficies de papel (durante 3 horas), cobre ( 4 horas), cartón (24 horas), madeira, roupa ou vidro (até 2 días) e aceiro (máis de 4 días).

Está demostrada a viabilidade de SARS-CoV-2 durante tres horas en aerosois, aínda que non hai evidencia do contaxio por esta vía. É dicir, sábese que é posíbel mais non está acreditado o contaxio a través de aerosois.

Pola contra non hai evidencia de transmisión a partir de feces, ourina, fluxos gastrointestinais, na xestación, lactación, relacións sexuais ou sangue até o momento.

Inactivación

Inactívase de xeito eficiente en presencia de diferentes concentracións de etanol, hipoclorito de sodio e glutaraldehido. Para uso doméstico é suficiente con un lavado de mans de 2 minutos con auga e xabón ou dun minuto con xel hidroalcólico homologado para este uso. Está demostrada a viabilidade do virus nun medio líquido durante 10 minutos a 57ºC, polo que está recomendado facer lavados a máquina de máscaras e roupa a unha temperatura de 60ºC.

Síntomas

A sintomatoloxía por COVID-19 é moi variada e soe coincidir cos síntomas dun arrefriado ou a gripe. Os síntomas son os seguintes segundo un estudo do Sistema Europeo de Vixilancia (TESSy) cunha mostra de 14.011 casos de 13 países: febre (47% das persoas infectadas), tose seca ou produtiva (25%), dor de gorxa (16%), astenia (6%) e dor (5%). Ademais describíronse outros síntomas coma disnea, calafríos, vómitos, outros síntomas respiratorios, mareos, alteración do nivel de conciencia, accidentes cardiovasculares, ataxia, epilepsia, neuralxia, síndrome de Guillain-Barré, fallo cardíaco, dano miocárdico agudo, ollo seco, visión borrosa, sensación de corpo estraño, conxestión conxuntival, obstrución nasal, disfunción olfatoria e do gusto, erupcións e diferentes fenómenos trombóticos, todos estes síntomas en porcentaxes moi baixas.

Factores de risco

A maior parte dos casos hospitalizados e das defuncións concéntranse nas persoas de maior idade. Non é posíbel definir un limiar a partir do que o risco estea aumentando, xa que hai outros factores que poden contribuír a aumentar este risco, os máis importantes son a presenza de comorbilidades e a vida en residencias pechadas. De todos os xeitos existe unha relación directa entre a idade e a proporción de casos hospitalizados e de defuncións.

Outros factores son as enfermidades cardiovasculares e a hipertensión arterial, a diabetes, EPOC, cancro, inmunodepresión, tabaquismo ou a obesidade.

Ademais de outras patoloxías, tamén son factores de risco o entorno dos infectados, coma as residencias de persoas maiores, os centros socio-sanitarios de maiores, certos entornos laborais e a presencialidade laboral, os centros sanitarios e as escolas e outros centros educativos. Tamén aumenta o risco de infección certas condicións sociais e inflúen os empregos presenciais, con maior exposición ou condicións laborais precarias, as vivendas colectivas con situacións de hacinamento, a ausencia de vivenda, a falta de alternativas habitacionais, a precariedade das condicións habitacionais, situacións económicas precarias, acceso a servizos precarios, acceso á sanidade precaria, coidados precarios ou a discriminación social.

Prevención

Hixiene: Lavado de mans en todo o momento no que se está en contacto con persoas non conviventes, con auga e xabón ou con xeles hidroalcólicos.

Hixiene respiratoria: Tusir e espirrar na parte interior do cóbado para evitar a dispersión de aerosois o máximo posíbel.

Máscaras: Uso de máscaras cirúrxicas ou de características de filtrado superior, coma as FFP2, homologadas. Non está recomendado o uso de máscaras KN95, debido á imposibilidade de saber a capacidade de filtrado destas. As máscaras con válvulas non están indicadas, xa que a función principal da máscara é evitar que a persoa portadora contaxie a outras. O uso de máscaras está indicado en todos os espazos pechados e ao aire libre se non se pode manter unha distancia de 1,5m constantemente.

Distanciamento social: Recoméndase manter unha distancia de 1,5m en todo momento con persoas non conviventes, tanto en espazos interiores coma ao aire libre. O confinamento da poboación está demostrado que reduce a capacidade do virus dos contaxios e hai evidencia de que é a mellor medida para a redución dos casos.

Ventilación: En espazos pechados é moi importante a ventilación constante ou en períodos de 15 minutos que aseguren a renovación constante do aire debido á presenza do virus nos aerosois. O uso de filtros HEPA está demostrado como eficiente sempre e cando o fluxo de aire dentro do espazo sexa o axeitado, polo que o seu uso en espazos de traballo ou aulas de educación pode non ser suficiente.

 

Fontes:

Organización Mundial da Saúde (WHO)
Servizo Galego de Saúde 
Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social

Comentarios