Reclamacións de comisións de Abanca

 


Como a maior parte das crianzas de Ourense tiven unha conta dende cativo en Caixa Ourense, desas que as entidades financieiras fan para que as máis pequenas se vaian afacendo ao seu sistema. Logo cambiou de nome varias veces fusionándose coas outras caixas galegas até que estas quebraron, foran rescatadas e regaladas a un fondo venezolano (para isto non teñen problema con Venezuela) até convertirse no que é hoxe Abanca. Até os 30 anos non tiven ningún problema mais a partir de aí comezaron a aparecer unhas comisións, por xuño e por decembro, que en ningún momento se explicou a que obedecen. Estas cantidades, que poderían parecer aleatorias se non fora porque só crecían co tempo, agora poden ser reclamadas xa que non se axustan á legalidade.

No meu caso xa levo reclamadas as comisións de mantemento e de administración dende o 2015, por un valor total duns 400€ e levo recibido até o momento uns 260€, os 140€ restantes están en proceso e agardo que sexan devoltos axiña.

Non son ningún experto en banca nin en leis e as reclamacións que fixen foron grazas ás indicacións que fun vendo en grupos de Facebook e en páxinas de usuarias de banca. Por isto as instruccións que aquí deixo, para que se estás no mesmo caso reclames, non son feitas por min, repito son as que eu seguín para conseguir que me devolveran o que no seu momento me cobraron indebidamente.

1. Identifica as comisións cobradas

As comisións que se poden reclamar son por MANTEMENTO, ADMINISTRACIÓN e POSICIÓNS DEBEDORAS. Entra na túa banca electrónica e identifica estes cargos, podes facelo dende 2010, e descarga os pdfs de cada unha delas.

2. Prepara o texto da reclamación

Unha vez sabes que comisións queres reclamar, prepara o texto. Neste debes poñer cada unha destas comisións, co concepto, a data e a cantidade. Eu utilicei o seguinte modelo que atopei nun grupo de Facebook.


Eu [---NOME COMPLETO---] con DNI [---O TEU DNI---] e enderezo [---ENDEREZO---], son titular da conta [---NÚMERO DE CONTA---] e mediante este escrito veño a formular RECLAMACIÓN nos termos previsto na Ley General de Consumidores y Usuarios, en base aos seguintes feitos:

PRIMEIRO- Esta entidade veu cargando na miña conta corrente comisións por:

COMISIÓN DE MANTEMENTO en datas [---DÍA---] de [---MES---] do ano [---ANO---], e por valor de [---CANTIDADE---]€.

COMISIÓN DE ADMINISTRACIÓN en datas [---DÍA---] de [---MES---] do ano [---ANO---], e por valor de [---CANTIDADE---]€.

COMISIÓN DE RECLAMACIÓN DE POSICIÓN DEBEDORA en datas [---DÍA---] de [---MES---] do ano [---ANO---], e por valor de [---CANTIDADE---]€.


SEGUNDO- Esta acción é CONTRARIA Á ORDE MINISTERIAL EHA/2899/201, de 28 de
outubro, e á posición do BANCO DE ESPAÑA.
Esta acción é CONTRARIA Á ORDE MINISTERIAL EHA/2899/201, de 28 de outubro, de transparencia e protección do cliente de servizos bancarios, concretamente no artigo 3, establece que:


a) “As comisións percibidas por servizos prestados polas entidades de crédito serán as que se fixen libremente entre as devanditas entidades e os clientes”. Eu , nin negociei as condicións destas comisións, nin dei o meu consentimento para que se me cobren.


b) ”Só poderán percibirse comisións ou repercutirse gastos por servizos solicitados en firme, ou aceptados expresamente por un cliente, e sempre que respondan a servizos efectivamente prestados ou gastos habidos”. Solicito a //ABANCA que especifique e xustifique que clase de servizos supostamente se prestaron mediante a comisión de mantemento da conta, a comisión de administración, e xustificación de que o importe das mesmas se axusta ao valor dos servizos prestados, que en ningún momento solicitei.


TERCEIRO: Ademais, e como criterio adicional, considérase que a aplicación automática
das citadas comisións non constituen unha boa práctica bancaria.


SOLICITO:
Que me sexan devoltas na conta sinalada, e con carácter inmediato, a diferencia entre as cantidades cobradas en concepto de COMISIÓN DE RECLAMACIÓN POR POSICIÓNS DEBEDORAS, COMISIÓN DE MANTEMENTO e COMISIÓN DE ADMINISTRACIÓN e as xa resoltas, por ser contrarias a posición do Banco de España, como quedou debidamente acreditado, e a Orde Ministerial referida.


Que no futuro non me sexa aplicada ningunha outra comisión por estes conceptos, nin por ningún outro que non teñamos pactado explícitamente as partes.


Sen outro particular, confiando sexan atendidas as miñas peticións e non verme obrigada a considerar outras accións.

Atentamente:
En [---LOCALIDADE---] a [---DÍA---] de [---MES---] do ano [---ANO---].

Modifica todas as partes do texto que sexan precisas para que se axusten ao teu caso, tanto en número de cada comsión coma nos conceptos das mesmas.

3. Facer a reclamación

Esta reclamación  pódela facer na túa sucursal, pedindo unha folla de reclamacións interna, ou a través da páxina web de Abanca, na Reclamación Electrónica, que é onde a fixen eu. Para isto, ademais de introducir os datos que che pide, terás que crear un pdf con todos os movementos que descargaches no primeiro paso, isto pódelo facer moi fácilmente en Ilovepdf. Tamén terás que indicar a suma total das comisións que estás a reclamar. Aínda que non me fixo falta, até agora, tamén é recomendábel gardar o número de identificación da reclamación que aparecerá ao final do proceso.

4. Agardar a resposta

Polo que teño visto nas redes sociais e a miña experiencia, soen tardar entre unha semana e 15 días en responder. Normalmente satisfactoriamente ou parcialmente. No caso de non ter unha resposta ou recibir unha resposta negativa podes volver a presentar a reclamación e agardar de novo ou, presentar un escrito ao Banco de España con copia de todo o feito anteriormente e expoñendo os motivos.

Agardo que sexa de utilidade e que poidades reclamar o que é voso, xa que foi cobrado no seu momento de xeito non axustado á legalidade. Se tendes algunha suxestión para modificar ou axilizar o proceso estaría encantado de engadilo a esta entrada para axudar a reclamar á maior parte da xente posíbel.

Imaxe de capa: Leonoticias

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios