As vantaxes son evidentes, tanto por tamaño, por peso e pola cantidade de libros que podes levar contigo a todos os lados. Sen entrar demasiado nas comparacións cos libros en papel, e moito menos co romanticismo asociado, só apuntar que se escoitas música no Spotify no canto de usar vinilos ou CDs e ves filmes e series no Netflix no canto de mercar e almacenar centos de caixas con DVDs, coido que che pode interesar dar o paso do papel ao libro dixital. Se es unha persoa que le moito, ou non tanto pero si de cando en vez, seguramente nalgún momento pensaches en mercar un ebook, mais se non se che dan as tecnoloxías pode ser un pouco complicado ao principio. Vaia esta entrada para axudarche nesta transición, polo menos a min mereceume a pena.
O primeiro paso é evidente, que libro electrónico merco? Hai unha variedade enorme en cuanto a calidades, prestacións e prezos. Non é preciso gastar 300 € para ter un ebook que cubra todas as túas necesidades. De feito só imos a ver unha pequena mostra de menos da metade dese prezo. Todos estes modelos contan coa opción de iluminar a pantalla, para ler en lugares con pouca iluminación e conectividade WIFI.
Lectores de libros
Amazon Kindle
Amazon é o principal fabricante de libros dixitais e conta cunha gama moi variada de modelos. Obviando a gama alta, veremos o Kindle básico e o Paperwhite.
- Pantalla: 6"
- Resolución: 167 ppp
- Memoria: 4 GB
- Tamaño: 160 x 113 x 8,7 mm
- Peso: 174 g
- Batería: 1130 mAh
- Conectividade: WIFI e microUSB 2.0
Pódelo mercar en Amazon por 89.99€.
Este é o modelo intermedio, que engade algunhas prestacións coma a resistencia á auga.
- Pantalla: 6"
- Resolución: 300 ppp
- Memoria: 8 GB
- Tamaño: 167 x 116 x 8,2 mm
- Peso: 182 g
- Batería: 1420 mAh
- Conectividade: WIFI e microUSB 2.0
O modelo básico pódelo mercar en Amazon por 129.99€, con publicidade e 139.99€ sen ela. Hai tamén outras opcións como máis memoria ou conectividade aumentando o prezo, mais non recomendo ningunha delas, xa que non é preciso para nada.
A compañía chinesa tamén entrou no mercado dos libros dixitais cun modelo equivalente aos de Amazon. Sen características superfluas e con todo o que precisarás. O lado negativo é que a interface de usuario está só en chinés aínda que á hora de ler non ten problema ningún xa que o 99% do uso é a lectura do libro no idioma que o metiches.
- Pantalla: 6"
- Resolución: 212 ppp
- Memoria: 16 GB
- Tamaño: 159,2 x 116 x 8,3 mm
- Peso: 189 g
- Batería: 1800 mAh
- Conectividade: WIFI e USB-C
Este lector de libros pódelo atopar en diferentes tendas chinesas por uns 95€, dependendo das ofertas e o cambio, coma no Banggood ou no Aliexpress.
Esta compañía xaponesa estase a introducir no mercado europeo a través de contidos de televisión e diferentes dispositivos electrónicos. Lectores de libros entre eles, dos que sinalo este modelo, o básico, con todas as características que precisas.
- Pantalla: 6"
- Resolución: 212 ppp
- Memoria: 16 GB
- Tamaño: 160 x 110 x 8 mm
- Peso: 168 g
- Batería: 1500 mAh
- Conectividade: WIFI e microUSB 2.0
A un prezo tamén moi competitivo o Kobo Clara HD pódese comprar en calquera tenda ao mesmo prezo que en Amazon, 129€.
A miña experiencia, xa que teño un Kindle 4, dime que polo seu prezo o lector de Amazon é o mellor en relación calidade prezo. Sen ter probado esta última versión pódome atrever a recomendar o máis barato cos ollos pechados. Por 90€ terás un ebook que che durará anos, o meu leva funcionando sen problemas 9. Se precisas que a batería dure un pouco máis ou que a calidade da imaxe sexa un pouco mellor (para ler bandas deseñadas, por exemplo) recomendaría o seguinte modelo, o Kindle Paperwhite.
O funcionamento de todos é semellante, a maioría dos novos xa non teñen botóns e son totalmente táctiles. Unha vez descargado e aberto o libro terás a opción de pasar páxina, adiante ou atrás, e algunhas outras opcións coma ir ao índice, poñer un marcador, unha anotación ou consultar o dicionario. Todo moi sinxelo e intuitivo independentemente do modelo.
Ebooks
Unha vez co lector de libros dixitais no teu poder é a hora de atopar os ebooks, os libros propiamente ditos. Coma nos de papel vas a atopar un problema semellante, é moi doado atopar libros en inglés ou castelán e non tanto en galego ou portugués.
A principal fonte de libros en galego é o portal GaliciaLe, da Rede de Bibliotecas de Galiza. Co teu carné de biblioteca podes acceder a un catálogo non demasiado amplo nin actualizado de todo tipo de literatura. Para iso hai que seguir unhas instrucións para descargar o programa de Adobe para libros electrónicos e poderás utilizar o libro durante un tempo determinado, ou até que o devolvas. Para conservar unha copia do libro tes que utilizar o programa Calibre, como veremos máis adiante.
Editoriais galegas que editan e distribúen en formato dixital:
Para mercalos cada libraría online ten o seu método. Se tes un Kindle poderás mercar libros en Amazon directamente dende o lector (conectado á internet), Casa del Libro e El Corte Inglés tamén teñen as súas plataformas.
E para atopar calquera outra cousa, o máis sinxelo é percurar en Google, ou nalgunha páxina que teñan libros para descargar de balde, como ePubGratis, ebiblioteca ou o Proxecto Gutemberg. Na rede podedes atopar tamén moitas listaxes de webs onde conseguir ebooks de balde ou mercalos, coma neste artigo de Praza, ou nestoutro de MAOS.
Formatos
Coma en todos os produtos electrónicos temos diferentes formatos que non sempre son compatíbeis entre si. Cada fabricante usa un e, anque o máis estendido é o .epub, o Kindle utiliza .mobi. De todos os xeitos isto non é un problema, xa que descargues de onde descargues os teus ebooks o máis sinxelo é utilizar a aplicación Calibre.
Calibre é un programa que xestiona a túa biblioteca persoal, dun xeito semellante ao iTunes ca música. Con el podes editar os teus libros, modificando as etiquetas e a capa, e convertelos ao formato apropiado para o teu lector automaticamente antes de envialo. Este software é compatíbel coa gran maioría dos lectores do mercado polo que non terás problemas para ler calquera cousa que baixes. Ademais ten un conversor para PDF, que soen dar bastantes problemas de formato á hora de lelos nun lector electrónico.
Como extra tamén permite quitar a protección que os servizos de préstamo soen usar para que non poidas gardar unha copia do libro que pediches á biblioteca. Se utilizas un libro electrónico, acabarás descargando este software nalgún momento e farase imprescindíbel.
Calibre está dispoñíbel tanto para Windows, tamén portable, Linux ou macOS, na súa páxina de descargas.
Como nota final e se tes algunha dúbida recomendo que preguntes a alguén que teña un e, se é posíbel, que cho deixe. Unha vez que te afás, as vantaxes son tan grandes que é difícil que voltes ao papel.
Comentarios
Publicar un comentario