Os Graxos da Burga

 


En maio do ano pasado fixemos a Almudena Picón, o Raúl Piñeiro, o Ico e mais eu unha ficción radiofónica ben fermosa, a historia dos Graxos da Burga. O texto, adaptado e interpretado polo Raúl Piñeiro, amosa a vida dos Graxos, eses pícaros que viviron en Ourense a mediados do século XIX de xeito totalmente libertario. Publícoo aquí de novo porque o resultado final é moi bo, ou polo menos iso creo, e porque o pasei xenial con elas, moitas grazas a todas!

A adaptación está moi traballada, e moi ben interpretada e o engadido de ter a Almudena tocando o acordeón en directo consigue unha atmosfera que enseguida fai que te metas na historia. Mágoa que só foran finalmente 3 capítulos de entre cinco e seis minutos. Ademais de escoitar esta historia tamén podes ler os textos que acompañan a cada un, escritos polo propio Raúl.

A gardo que gostes e de paso, escoites o resto de cousas que temos feito en Radio Liverdade.

Capítulo 1 – A Barcarola e os Graxos da Burga


Esta historia consta de tres capítulos, podes escoitar o segundo máis abaixo e o terceiro publicarémolo nos vindeiros días.
O documento de audio que presentamos o Día Mundial da Narración Oral, pretende reforzar o traballo a prol da visibilización do patrimonio da A. C. Bela Auria, e ao mesmo tempo, homenaxear ao colectivo tras 10 anos de actividades na vila de Ourense.

Os Graxos da Burga, recollidos dun relato de V. Lamas Carvajal, simbolizan o patrimonio inmaterial e esquecido auriensiano; unha historia de carácter localista, mais tamén universal. Escollemos iste formato para facilitar a súa difusión, e porque o conto contado é o xeito tradicional de transmitir de xeración en xeración a nosa cultura e experiencia.

Os Graxos da Burga foi un dos conceptos que máis evolucionou desde as iniciativas da Bela Auria, formando parte transversal de case todas as propostas da asociación. Escritores como X. L. Méndez Ferrín ou D. Ameixeiras, músicas como as do Sonoro Maxín, participan coas súas obras do recoñecemento a istes personaxes extraordinarios, co obxectivo de que “non desapareza esta caste”; porque o patrimonio é cousa de todas e todos.

O documento non se podería ter producido sen a colaboración da Bela Auria, Radio Liverdade, A Galleira e por suposto Emilio e Ico; graxos enxebres onde os haxa. Aproveitamos para agradecer aos Sonoro Maxín por prestarnos “o que nós quixemos” e a todas aquelas persoas de ben, que colaboraron con nós ao longo distes anos. Aquí tedes polo tanto un recurso, unha ferramenta para a transmisión do patrimonio auriensiano; para todos os públicos e que se pode distribuír libremente.
Longa vida á Bela Auria, e ao patrimonio de Ourense!

Capítulo 2 – A lei dos Graxos da Burga

A literatura é unha das millores ferramentas para a transmisión da cultura ás xeracións máis novas, e especialmente para recoller o patrimonio inmaterial e oral, o que xa non podemos ver, tocar ou fotografar; ademais, a escrita amósase coma o recurso máis xeitoso para a transcrición da oralidade.

Que sería dos graxos da Burga de non ser por V. Lamas Carvajal e os textos onde nos deixou contadas as aventuras distes pícaros da Auriense; quizais F. Álvarez de Nóvoa non escribiría alá polo 1896 o Turuleque, conto onde un dos graxos enviados pola forza ao exército, regresa ao Barbaña para recuperar o seu amor.

Tampouco, imaxinamos, H. Pérez Placer chantaría sobre o papel, e en galego, a historia do Xeneral, onde os graxos da Burga e as rúas da nosa vila tamén son protagonistas. Por iso celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, presentando o segundo “capítalo” desta extraordinaria loucura: A lei dos graxos da Burga.

Capítulo 3 – Luz ao Casino!

O 30 de maio de 2010 celebrábase a primeira festa “da historia” de Ourense. Promovida pola A. C. A Bela Auria, o evento paríase polo paraninfo e corredores do Instituto Otero Pedrayo e o Xardín do Posío; que sería berce de todas e cada unha das festas celebradas o último sábado de setembro (e domingo…) na vila auriensiana.

No folleto informativo explicábase así: A Bela Auria é unha festa de recreación histórica que quere converterse nunha gran actividade de participación cidadá integrando propostas de colectivos e persoas con diferentes intereses. Por iso, o programa compón unha oferta cultural GRATUÍTA agrupada baixo tres temáticas…

Para esta a efeméride, a Bela Auria presenta o derradeiro capítulo dos graxos da Burga… Desta temporada… Ben, quen sabe! E non podemos pechar iste programa sen agradecer novamente a Radio Liverdade e as persoas que colaboraron niste bonito proxecto, a súa participación para a memoria do patrimonio inmaterial de Ourense…



Este artigo foi publicado en Radio Liverdade o 30 de maio do 2.019.

Imaxe de capa proporcionada por Raúl Piñeiro a Radio Liverdade.
Cartaces da A. C. Bela Auria.

Comentarios