Hai 10 anos creouse un evento cultural chamado EBA 5.0 co gallo da conmemoración do 50 aniversario da publicación de A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Disto saíu unha marabilla de libro que recolle o traballo dunha infinidade de artistas ourensás. Fotografía, ensaio, banda deseñada, música ou títeres, todo relacionado co universo do autor. Un tomo, con un CD no que podes escoitar unha ampla variedade de grupos e músicas locais con temas feitos para a ocasión, e un DVD no que se atopa a obra de marionetas O horroroso crime do sacristán e a versión imprimíbel do xogo Tres de troula.
Daquela o Xavier e mais o Che, da Difusora de Letras, Artes e Ideas, contactaron coa Idoia de Luxán, o Marcos Fernández e comigo, a través do Benito Losada, para idearmos un xogo de mesa para incluír na publicación. Sempre lles estarei agradecido pola oportunidade e pola aventura, especialmente a Benito, que sempre confiou en todas nós e sempre o botaremos de menos. Idoia faría a parte gráfica e Marcos e mais eu, dous frikis dos xogos, a mecánica.
Lembro reler A Esmorga tres ou catro veces seguidas, con anotacións e papeliños por todos os lados. Quedar tardes enteiras para compartir ideas de como tiñamos que desenvolver o xogo, de como facer para poder crear unha experiencia que reflectise a historia do libro, que fose divertida e moi sinxela de xogar. Finalmente escollemos unha mecánica semellante á oca (ou máis ben á escaleira), avanzando casas lanzando dados, mais cun taboleiro que fose diferente cada vez que se xogaba. Por outra banda pensabamos que era importante o equilibrio que manteñen as personaxes entre a borracheira e iso ao que chaman o pensamento. E como non podería ser de outro xeito, tamén lles demos características diferentes a cada unha das personaxes, para que estivesen representadas á hora de xogar.
Con estas ideas na cabeza Idoia comezou a traballar e creou uns modelos e uns grafismos xeniais, quedamos abraiados cando o vimos. E como engadido final, o xogo inclúe uns recortábeis para facer as personaxes en 3D a modo de origami. O resultado, xulgádeo vós mesmas, eu non son nada obxectivo. Deste xeito, no libro, ademais de estar incluído no DVD para poder imprimilo, tamén está no interior do volume, nun papel groso, para poder recortalo e montar as casas do taboleiro, os accesorios e un dado d6 e as tres personaxes montábeis. Non me digades que non é unha marabilla.
Tres de troula é un xogo divertido, de dúas xogadoras ás que entren arredor da mesa, con partidas áxiles que non chegan á hora. Cada unha elixirá unha personaxe, o Milhomes, o Bocas ou o Castizo, que teñen cadansúas características especiais. A medida que se avanza polo taboleiro, dáselle a volta a casa na que caes e terá un efecto, que poden aumentar a túa borracheira, pensamento ou os rumores. Estes tres valores influirán tanto nas túas tiradas coma nas características de cada personaxe. De tal xeito que canta máis borracheira ou pensamento menos avanzarás, e cantos máis rumores máis cerca estarás de que te leven presa. As características, ou habilidades, son a maneira de interactuar entre as xogadoras facéndolle máis difícil chegar a casa, obxectivo do xogo. Un xogo moi divertido para pasar unha boa tarde en familia ou coas túas amizades.
Se queres probar a montalo ti mesma podes descargar o PDF que vén no DVD ou, se queres botarlle un ollo ao libro, CD e DVD podes pedilo na biblioteca ou mercalo na web da Difusora.
Todas as imaxes pertencen ao libro EBA 5.0.
Comentarios
Publicar un comentario