Carta ao Apalpador




Achégase o natal e quero facerlle unha petición sincera ao Apalpador mais primeiro vouvos amolar cunha introdución, máis longa que a carta, co contexto. É moi cedo para facer unha análise que se poida achegar ao que acontecerá de aquí a aínda medio ano, cando serán as eleccións á presidencia e ao parlamento da Xunta. Así que desculpade pola miña ousadía e tende en conta que son opinións persoais, non predicións dun gurú.

Se non gostas dos números podes saltar até onde analizo os partidos. Xa que antes de nada quero facer unhas consideracións previas que acho son importante para ter unha visión global sobre cal será a situación. Primeiro o censo: Xunta 2012, 2.300.335; Municipais 2015, 2.273.650; Congreso 2015, 2.265.555; Congreso 2016, 2.258.012; Xunta 2016, 2.255.756; Congreso abril 2019, 2.240.748; Municipais 2019, 2.242.924; Congreso novembro 2019, 2.237.462.
Non fai falta dicir moito máis, habería tan só que falar das causas desta taxa de crecemento demográfico negativa. Por unha banda morre máis xente da que nace e por outra migra máis xente fora que á Galiza, mais non é o obxecto deste artigo analizar este feito: votará menos xente porque perdemos poboación.

Segundo, a participación: Xunta 2012, 63,8%; Municipais 2015, 66%; Congreso 2015, 73%; Congreso 2016, 69,63%; Xunta 2016, 63,75%; Congreso abril 2019, 73,97%; Municipais 2019, 67,81%; Congreso novembro 2019, 66,62%. A participación na Galiza varía de se é para o Congreso dos deputados a se é para a Xunta nuns 10 puntos, quedando as municipais nun punto intermedio. A porcentaxe das do Congreso atribúllolla directamente ao tratamento mediático que se lle dá. Os medios de comunicación fan unha publicidade moi grande para incrementar, sobre todo, o medo ao contrario. Deste xeito a maior parte da xente teme que entren os de idea contraria no goberno estatal, ben sexa ETA, o fascismo ou o comunismo. Hai que ter en conta o esforzo de campaña que se fai, por parte dos partidos estatais, nas eleccións xerais en comparación coas outras, mais vendo os resultados proporcionais non se ve que haxa unha correlación demasiado directa. Así pois a participación poderá ser de entre o 63 e o 65% (cifra non superada nas últimas catro eleccións galegas).

Esta especulación lévanos a simplificar en que o censo será de 2.230.000 e a participación dun 64%, ou o que é o mesmo, votarán 1.427.200 galegas. Desculpas a todas as estatísticas que lean, repito que é unha especulación que foi de utilidade para a análise, por iso quería compartir os dados.

Partido Popular

Nun convulso panorama de tensións por todas as partes se algo podemos asegurar é que o Partido Popular presentarase ás eleccións. Outra cousa que aínda é cedo para aventurar é se o Alberte Núñez Feixoo será o seu candidato. O seu liderado na Galiza é indiscutíbel, obviando o feudo do Baltar, e só depende das posibilidades que vexa de liderar o partido dende Madrid. O Feixoo sabe que as seguintes eleccións estatais son as súas e que terá unha oportunidade de ser o seguinte presidente do goberno. A vitoria do Casado entra perfectamente dentro duns plans que pasan pola desestabilización do partido e a chegada triunfal do líder que devolverá o goberno á dereita cun Partido Popular máis unido que nunca. O Feixoo non é un liberal, está máis cerca do VOX que do Casado, a pesar de ter un discurso máis amábel. A Xunta, baixo o seu mandato, foi gañando en peso de dirixentes integrantes ou achegados ao Opus Dei.

Feixoo e o narco Dorado de vacacións El País
En campaña todo pode pasar e haberá tamén que ter en conta como renda a oposición a súa relación co narcotráfico e os centos de frontes abertos que ten en todos os sectores públicos. A sanidade, a educación, a CRTVG, o agro, o mar, a industria, as infraestruturas, a listaxe é longa, el sábeo, e vender boa xestión será complicado. Como contrapunto, ten toda a cobertura mediática posíbel de man e a oposición até agora non está dando coa fórmula para expoñer todos estes problemas.

O Ciudadanos non está en condicións de disputar demasiado e no caso de estalo o partido aquí está controlado en parte polo PP, coma en Ourense a través das operacións do Baltar. O VOX haberá que ver se é quen de adaptar o seu discurso para a Galiza e se o Feixoo pode atraer de volta o seu electorado. Dito isto, cos dados das últimas eleccións, os do Abascal terían 2 deputados pola Coruña.

Como todas dicimos todos os anos, nunhas eleccións á Xunta, o único capaz de desequilibrar a conta do Partido Popular é quen mencionei nos últimos dous parágrafos, o Baltar. O PP galego, a diferencia do que se ve nos últimos anos no español, é capaz de coser as súas feridas antes das eleccións e non vexo un caldo de cultivo suficiente para que se divida máis agora. Mais o Baltar é un especialista en saírse coa súa. Se nalgún momento pasa calquera cousa, da que non saberemos nada, o Baltar fará o que moitos lle piden, e o que lle faga saír do paso. El sabe que crear un partido liberal de corte galeguista aumentaría os seus resultados en Ourense e disputaría moitos escanos no resto das provincias. E agora ten 9 parlamentarias e cos resultados das últimas xerais tería só 6. Repito, esta é unha opción que a día de hoxe é política ficción.

Resumindo, o Partido Popular baixará con respecto aos 41 escanos que ten e terá máis dos 25 que lle corresponden segundo os resultados das últimas eleccións xerais. A maioría absoluta está nos 38 e coido que agora mesmo ese é o seu máximo. O Ciudadanos, que non ten representación, obtería 8 repetindo resultados. Isto non pasará e baixará de novo ás cotas de 2016, loitando por chegar ao 5% na AP-9. O mesmo que o VOX. As súas votantes, nas eleccións á Xunta, volverán ao PP.

PSOE

O Caballero, sobriño, asemella conseguir ter o partido xunto, ou polo menos soltou o lastre que lle molestaba. As cousas van ben no partido socialdemócrata. Ganou as eleccións xerais de abril, forzou unha repetición para ter máis vantaxe sobre Podemos e volveu a ganar, e todo apunta a que formará goberno. A vida deste goberno non importa demasiado, durará o suficiente para que cheguen as eleccións á Xunta. O que a semana despois destas elección darase en chamar efecto Sánchez, fará aumentar a representación do PSOE. Sempre e cando todo isto teña lugar da maneira que a maior parte das votantes socialdemócratas queren, cunha negociación light coa ERC ou, preferentemente, o Ciudadanos. Só pode subir, e de feito farao. Só ten 14 deputadas e é a terceira forza, por detrás dunha En Marea defenestrada.

Gonzalo e Abel Caballero economíaDigital

En Pontevedra arrasará o Caballero, tío, mediante. De 4 deputadas que ten pode chegar ás 8 que lle corresponderían segundo os resultados do 10N. Ourense e Lugo, con 2 e 3 escanos, e con capacidade para asentar e auemntar estas cifras. Na Coruña, 5, ten marxe de crecemento, mais sen o efecto Vigo. Superará as 20 representantes, mais non gañará as eleccións en ningún caso, salvo catástrofe popular.

Podemos

Podemos ten a papeleta de sempre. Non se pode presentar só, xa que se perderían bastantes votos ou habería unha desmobilización moi grave. A Esquerda Unida e o EQUO non porán resistencia e branquearase a súa marca española cunha man da ANOVA. En Marea, de presentarse, mais cos números das anteriores eleccións non vou a perder o tempo de analizar menos dun 3%, mais noméeo porque son votos que perderán os do Pablo Iglesias. E agora comezan os problemas.

Os procesos municipalistas galegos terán cadansúas opinións, como non pode ser de outro xeito. Quitando A Coruña, Compostela e Ourense (se aínda ten algún peso, sen representación no concello) case todas se sumarían á candidatura de Podemos. E ese é o asunto, son quen a Marea Atlántica e a Compostela Aberta liderar en tan pouco tempo un proceso semellante ao iniciado antes das eleccións de 2016? A posibilidade existe, e o traballo está medio feito. É cuestión de medir as chances e valentía, ou temeridade. Os resultados de En Marea de 2019 non son grazas a un mitin do líder do Podemos, son grazas á unidade que se vendeu á xente, a pesar de rematar como rematou. Hai unha masa social na Galiza que premia a unidade da esquerda e diso son conscientes todos os actores deste espazo político. No caso no que non se considere esta opción, estas mareas terán dúas opcións, meterse de cheo na campaña do Podemos, o máis beneficioso para o partido de Madrid, ou poñerse de perfil e agardar ás seguintes municipais, o mellor para as propias mareas. Neste contexto pódeste preguntar que é o mellor para a xente e para o país, mais iso, debe decidilo cada unha coa súa participación política todos os días ou no peor dos casos, votando a opción que mellor crea que a representa.

Mitin EnMarea de Ricardo Grobas, Faro de Vigo
O segundo problema é a candidatura. Dependendo do punto anterior poderían intentar convencer ao Xulio Ferreiro, o alcalde máis visíbel das mareas ou no seu defecto, ao Martiño Noriega. Non o sei, máis estou seguro de que estas dúas persoas xa foron contactadas polo menos por tres formacións diferentes para calquera dos escenarios. Son homes, mais desgraciadamente iso non penalizará nas eleccións. Sen poñer a man no lume polo que digo, non creo que ningún dos dous acepte, non sendo no caso en que as mareas acepten de cheo facer campaña por Podemos. Polo que quen sexa o ou a candidata pode ser, por moi triste que pareza, moi determinante.

O terceiro é a marca. A En Marea está morta, pode que conserven os dereitos de cara á campaña, o cal é importante, xa que parte como segunda forza. Con ela tamén morre a palabra marea, para beneplácito do partido. A aposta máis probábel é que sigan apostando por algunha variante de En Común, Galiza Galicia en Común Podemos, Podemos en Común ou algunha cousa do estilo.

Entendo que a viraxe á dereita do goberno do que formarán parte non se notará no resultado polo cedo da data. Mais sen saber, sobre todo a fórmula e os compoñentes, é moi complicado predicir nada neste espazo, xa que os 14 de En Marea actuais dividiranse entre a candidatura do Podemos e a das mareas, ou de non producirse, a volta ao PSOE e ao BNG. Sen mareas e co último resultado electoral contarían con 10 deputadas.

BNG

Campaña 10N BNG elPlural
Unha euforia semellante á do PSOE, mais nunha escala ben menor. A travesía polo deserto propiciada polas mareas asemella rematar. Ten unha voceira ben valorada, acaba de volver ao congreso das deputadas e de portas para fora asemella ter unha cohesión que até propiciou a asimilación do CxG. Todo isto é volátil e haberá que ver como se conforman as listas e canto é capaz de abrir a man a UPG, ou o resto de pelexarlle os postos, e teren unha campaña unidas.

Ao compartir electorado co espazo Podemos/municipalista, depende moito do que pase de aquí á campaña, sobre todo en canto poidan galeguizar a súa marca. De todos os xeitos teñen moi lonxe superar a Podemos aínda que se presentara en solitario. Teñen na súa man, facendo o que mellor saben facer, campaña, dar un pulo a esa dinámica que están collendo. E a representación no congreso axudará a darlles visibilidade nos medios estatais.

Neste caso os dados das eleccións ao parlamento non son tan extrapolábeis coma nos outros casos, xa que o BNG ten sempre máis votos nas da Xunta. O certo é que é complicado que baixen dos 6 que teñen agora, que asemella ser o seu chan. En Lugo e Ourense, con ese dados, non terían representación, e a verdade é que non me estrañaría nada que sacaran 2 en calquera das dúas.

Ciudadanos

A caída libre non creo que pare. Non está claro quen liderará o partido, aínda que queda tempo. Mais a súa presenza no escenario político non é demasiado visíbel e estando ben o partido a nível estatal tampouco era unha opción minimamente maioritaria. Loitará por un escano, se se presentan, na Coruña e en Pontevedra e nada máis.

VOX

Auxe e descenso do titán. Sempre quedará a dúbida de A Coruña e Pontevedra, mais Feixoo ben sabe cantos votos se lle escaparon en novembro e ben sabe como recuperalos. Unha campaña en castelán, un par de bandeiras da España, e arranxado. Fará perder votos ao PP, mais non teño seguro de que chegue ao 5%. Noutras cousas Feixoo pode cagala, pero en recuperar ao electorado fascista non o creo.

Botando números

Vou a tratar de facer uns números tendo en conta todo o apuntado anteriormente e nun contexto no que o PP non se divide, evidentemente, o PSOE está no goberno do estado e o Podemos preséntase en coalición sen a presenza das candidaturas municipalistas.

A Coruña 25: PP 10 PSOE 8 Podemos 3 BNG 3 Ciudadanos 1
Pontevedra 22: PP 9 PSOE 8 Podemos 3 BNG 2
Ourense 14: PP 9 PSOE 3 Podemos 1 BNG 1
Lugo 14: PP 8 PSOE 3 Podemos 1 BNG 2

Parlamento: PP 36 PSOE 22 Podemos 8 BNG 8 Ciudadanos 1

Non descubro nada novo, está moi axustado. Seguramente polas ganas de que o amigo do narco non sexa presidente outra vez a miña análise estea inclinada a este resultado. Mais penso realmente, cos dados na man, que hai unha verdadeira posibilidade dunha alternancia na Xunta. E pode que sexa un cliché mais acho que desta vez a campaña importará moito, sobre todo para o PP, só contra o mundo, e o BNG, por recuperar o seu lugar. Se as candidaturas de esquerdas conseguen aumentar a participación en un ou dous puntos por riba do 64%, hai unha boa oportunidade de que isto aconteza.

Carta ao Apalpador

Disto todo non saberemos nada até despois do natal, así que non quero deixar a ocasión para facer a miña petición ao Apalpador. Se eu puidera elixir que ten que pasar, sei que moitas pensaredes que xa a insinuei unhas cantas liñas máis arriba, mais estades bastante erradas. Para min a mellor opción sería que a Marcha Mundial das Mulleres se presentase ás eleccións. "Outra vacano millo!" dirán algunhas, deixádeme explicalo. Teñen presenza en todas as cidades e en moitas vilas. Están afeitas a facer campañas, a traballar arreo e a influír na política local e nacional. Teñen un discurso político claro e diferenciado. Teñen capacidade de atracción de outros colectivos feministas e lgtb. As mareas municipalistas non poderían baixo ningunha circunstancia facer campaña por outra candidatura, mais tampouco vexo a moitas facendo campaña a favor. Teñen capacidade de atracción de experiencia de militancia e campañas electorais no Podemos ou incluso no PSOE, mais maioritariamente no BNG. É unha organización asentada, relativamente sólida e moi descentralizada.

Marcha Mundial das Mulleres

A súa capacidade de situarse nun espectro político amplo, acolledor, de unidade, confrontando directamente o argumento de que é unha división máis da esquerda. Revolucionar o xeito de facer campañas, ao estilo das que xa están a facer. Unha visión anticapitalista, democrática e feminista. Mudar totalmente o ton, non coitado ou o que o patriarcado define como feminino, senón sincero, sen retórica, con paixón. Despois de ver os números coido que o mínimo estaría en 2+2+1+1, xa que acho que podería provocar un aumento da participación. Aínda que hai que ser realistas, o esforzo dunha campaña sen acompañamento ningún de medios, é moi duro. Esta especulación, ou case fantasía, depende do músculo co que conta agora mesmo e o estado de saúde das redes tecidas durante todos estes anos. Mais sobre todo, de que elas, vós queirades e darlles, darnos, a todos nos dentes, que ben o merecemos algúns.


Fonte de dados das eleccións: El País Xunta, Concellos e Congreso.

Comentarios