Texto publicado no meu perfil de Facebook con data de 3 de setembro de 2019.
Sen entrar no que foi Ourense no pasado remoto, temos que sacar peito do que foi Ourense nestes últimos anos.
#CidadeDeOurenseComoNonQueresQueChoreA cultura, de base, autoxestionada, da mocidade, leva sendo anos o alicerce da cultura institucional que agora están a destruir. Dende o Frente Comixario ao E/M/E/R/X/E, o xermolo do que agora desfán nalgún momento foi xerado por unhas mozas inquedas que querían máis. Non deixaremos que morra a chama viva ourensá, das ilustradoras, poetas, actrices, músicas, escritoras, das artistas. Mentres haxa mocidade cantando ou pintando na rúa non vencerán.
#CidadeDeOurenseComoNonVouAChorarO proceso de desmantelación que levamos vivindo non é algo novo, o actual alcalde é un peón máis nunha estratexia de desactivación moi ben plantexada dende hai anos. Boicoteando os espazos abertos en prol dos que pasan polo aro. Non sei se sería o primeiro, mais ben se pode considerar coma fito, o desmantelamento da Casa da Xuventude. Coa Bienal de Caricatura, o Outono Fotográfico e o seu tecido asociativo.
#SeSoamenteOurenseTeñoViñeron despois moitas outras, que todas sabemos, e botamos ou botaremos de menos. Á nosa cidade quérena matar, lentamente, asoballando o talento, afogando, retorcendo e criminalizando. Mais, por moito que o intenten, sempre quedará a inquedanza da mocidade, que é ceibe e non entende de cadeas. Onde pechan unha porta a mocidade Ourensá sempre abriu unha xanela.
#CidadeDeOurenseComoNonVouAChorarÉ a nosa responsabilidade e somos quen de darlle a volta a esta situación que dura xa demasiado tempo. Nós somos o muro de contención en contra desta infección que sufre a nosa cidade. Temos e imos plantar cara á necedade. E acompañaremos ás novas xeracións, para que teñan as mesmas oportunidades que tivemos, e que lles están a roubar. Sen titorizar nin paternalismos, só proporcionando as ferramentas e espazos que nós tivemos.
É a nosa responsabilidade e somos quen de darlle a volta. Non temos outra opción.
Grazas Samuel polas coplas.
Máis información sobre a situación da cultura en Ourense no Fala a Cultura de Radio Liverdade.
Imaxe de capa: Atopada nas redes sociais no momento da publicación, fonte orixinal sen identificar.
Comentarios
Publicar un comentario